A familia real é unha coprodución entre Aporía Escénica, dirixida por Diana Mera e Olivas negras, dirixida por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez.

Tres mulleres creadoras e empresarias da escena, formadas na ESADg, que decidiron entrecruzar os seus camiños artísticos e unir forzas nun novo proxecto teatral, motivadas pola necesidade de interaccionar cos seus fillos e fillas en escena.

aporía escénica

É unha compañía centrada nos espectáculos de creación, que pretende explorar o universo da muller, a ecoloxía e a comunidade, así como desenvolver a súa propia linguaxe artística por medio da hibridación de tipoloxías escénicas que favorezan a potencia plástica dos corpos e os obxectos, empregando o xogo e o humor, sen esquecer a palabra e a poesía. Desde o seu nacemento, no 2014, Aporía Escénica participa co seu primeiro espectáculo 30 e tantos ósos no FITO, Festival Internacional de Teatro de Ourense; é seleccionada entre máis de 80 compañías no VI CÉNIT, organizado polo Centro de Investigación Atalaya TNT de Sevilla e recibe o premio María Casares ao mellor texto orixinal. Dous anos despois realiza a montaxe infantil Os reloxos preguiceiros de Néboa, estreada en Vigo e reprentada na Feira galega das artes escénicas: Galicia Escena Pro. No 2017 estrea a traxicomedia 6 cubos negros en corpo branco e no 2018 presenta a performance A Figueira no Festival Fóra do Mapa, dentro do ciclo de Teatro Breve. Entre o 2018 e 2019 con ANIMAL SAGRADO volve de novo apostar por un espectáculo infantil, nesta ocasión de máscaras e títeres. Prepara no 2019 a acción escénica Un xardín por (re)contruír con motivo do proxecto Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, cuxa preestrea ten lugar meses antes no Festival de Inverno de Maputo, Mozambique. Este mesmo ano estrea na capela de Cangas A Illa das Matriarcas, espectáculo performativo coproducido con Joanna Hruby da cía ibicenca Theatre of the Ancients e coa colaboración da XXXVI Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Actualmente, coproduce con Marta Pérez de Inversa Teatro a comedia pegadóxica Misión Imposible e estrea a peza de gran formato SOGA E CINSA sobre a Cazas de bruxas en Europa, cun elenco de once actrices.

Baixo o nome de Olivas Negras, atopamos o tándem de actrices Cecilia Vázquez e Sonsoles Cordón, que acumulan máis de 10 anos de experiencia xuntas e por separado no mundo das artes escénicas: burlesque, cabaret, teatro musical, comedia, teatro infantil, novas dramaturxias, performance, teatro de rúa, danza e música. A amizade que as une desde antes de iniciar os seus estudos de Arte Dramática na Esad de Galicia, formando parte da primeira promoción da Escola, perdurou e medrou durante os anos converténdose no punto de partida para levar a cabo un proxecto común no que visibilizar o seu talento como actrices e a súa experiencia. A conciliación familiar foi a primeira premisa para comezar a creación do espectáculo, pois o obxectivo principal destas mulleres centrouse en compaxinar o proceso de creación coa vida dos seus fillxs, facéndoos partícipes e inculcándolles desde a súa infancia o amor polo teatro.

Marián Bañobre foi a directora encargada de dirixir a primeira peza da compañía, 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva, que contou co apoio á creación escénica da AGADIC e se estreou no 2020 en Vigo, recibindo unha exitosa acollida entre o público, e que promete agora estar moi presente no panorama teatral galego actual.

Entre moitos dos obxectivos perseguidos por Olivas Negras destacan a promoción dun teatro feito por mulleres no que se reflicta a súa visión da sociedade actual, a aposta polas novas linguaxes de xeito accesíbel para todos os públicos, e a creación de espectáculos de calidade que compaxine a integración de profesionais con experiencia e a incorporación ao mundo laboral dos profesionais recén lincenciados.

olivas negras

ficha artística

Dirección e Dramaturxia: Diana Mera

Textos: Creación Colectiva

Xestión e Loxística: Sonsoles Cordón
Nais e Pais: Sonsoles Cordón, Francisco Gallardo, Diana Mera, Vicente

Mohedano, Cecilia Vázquez, Beatriz de Vega
Fillas e Fillos: Catalina Scillia, Gianluca Cordón, Ashael Gallardo Mera, Ginevra Nortes Vázquez
Canguro en Escena: María Tasende
Música Orixinal: Francisco Gallardo

Espazo: Beatriz de Vega, Diana Mera, Cecilia Vázquez

Iluminación: Beatriz de Vega

Audiovisual: Pío Cribeiro
Fotografía: Janite Lafuente, Sabel Sabín, Pablo Ollomol

Vestiario: Cecilia Vázquez
Deseño Gráfico: Cecilia Vázquez, Estefanía Vázquez

Estrea: Fórum Metropolitano da Coruña
Asistencia técnica: RTA
Agradecementos: Asociación da Salgueira, Concello Carballiño, Concello Outes